Saturday 18 de May de 2024

O Monbus Obradoiro CAB inaugura en Ordes a nova pista multideportes


A rapazada tivo ocasión de compartir a cancha cos integrantes do club e co cadro técnico. A nova instalación “é o primeiro paso dun proxecto máis ambicioso que inclúe a construción dun parque cuberto xusto ao seu carón”, anunciou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo

Centenares de afeccionado ao baloncesto e seguidores e seguidoras do Monbus Obradoiro CAB disfrutaron da visita dos seus xogarores e do corpo técnico na visita que estes realizaron na tarde de hoxe a Ordes.

Un encontro que serviu para inaugurar oficialmente a nova pista multideporte instalada no Campo da Feira. Alí a rapazada tivo ocasión de compartir a cancha con cada un dos xogadores, e incluso algúns e algunhas tiveron a sorte de recibir como agasallo un balón asinado.

Tanto o alcalde de Ordes como a concelleira de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, participaron deste encontro. En palabras do rexedor “esta pista é o primeiro paso dun proxecto máis ambicioso, o cal inclúe a construción dun parque cuberto xusto ao seu carón para poder utilizalo cando choiva”. Martínez Sanjurjo aproveitou para pedirlle aos usuarios e usuarias “respecto e coidado” para as novas instalacións. Representantes da empresa de carpintería Ramón García foron outros dos que non se quixeron perder o acto. Para eles tamén tivo palabras de agradecemento o alcalde da “a colaboración e axuda prestada para que hoxe poida estar aquí un equipo tan importante como o Monbus Obradoiro CAB”.

Para concluír, toda a equipación asinou cartaces, camisetas, bufandas e todo tipo de material promocional, ademais de entregar gratuitamente entradas para o próximo partido.

29.000 € de investimento
A pista multideporte que hoxe abre ao público fai posible a práctica de distintas modalidades deportivas como fútbol, baloncesto, voleibol ou bádminton. O orzamento para este proxecto ascendeu a 29.000 €, IVE incluído. Está realizada en material de caucho en rolo de 5mm e ten unhas dimensións de 14 x 19,5 metros. Inclúese a subministración e instalación de Tramex de 2 metros de altura que rodea todo o perímetro para acadar unha maior seguridade. Esta barreira de seguridade incluirá o fondo das porterías a 3 metros, con acceso por un dos laterais. A área está debidamente pintada en distintas cores (vermello para a base e gris para as áreas), estando dotada de elementos como aros, taboleiros, porterías brasileiras e de fútbol sala.

Aínda que a intención inicial era abrila ao público con moita máis antelación, o Departamento de Deportes viuse na obriga de pospoñelo xa que as condicións meteorolóxicas e as chuvias dos últimos meses imposibilitaron o remate das obras de instalación nas condicións idóneas e coas garantías necesarias para o seu correcto mantemento.